ARQUIVO

Edicións anteriores

Estes son os proxectos premiados nas anteriores edicións dos Premios Martín Códax da Música. Bótalles un ollo!

VER TODOS


CATEGORÍAS MUSICAIS

  • ROCK
  • MÚSICA FOLK
  • METAL
  • MÚSICAS URBANAS
  • MÚSICAS DO MUNDO / MESTIZAXE
  • ORQUESTRAS / GRUPOS / MÚSICA DE VERBENA
  • MÚSICA TRADICIONAL
  • BLUES / FUNK / SOUL
  • MÚSICA INFANTIL
  • ELECTRÓNICA
  • COROS E GRUPOS VOCAIS
  • JAZZ / MÚSICAS IMPROVISADAS
  • BANDAS DE MÚSICA POPULAR
  • MÚSICA CLÁSICA / CONTEMPORÁNEA
  • POP / INDIE
  • CANCIÓN DE AUTOR/A

ORGANISTRUM

  • ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL
  • FESTIVAIS
  • SALAS

Familia Caamagno

Proxecto premiado na categoría de ROCK


En outubro de 2022 Familia Caamagno presenta o seu novo traballo discográfico:


O Mundo está derrotado


Un LP producido e gravado por Carlos Hernández (Carolina Durante, Los Planetas, Airbag, Los Enemigos...) nos estudios El Castillo Alemán, en Madrid.

Néboa

Proxecto premiado na categoría de POP / INDIE


Néboa naceu nun verán dun ano que xa non recordamos e en xuño de 2015 autoeditamos o noso primeiro disco, Antes da tormenta.

No 2018 editamos dous singles dixitais, Lisboa 5AM Sigue sigue, e acadamos o segundo posto nos Premios Narf da Deputación da Coruña, o que nos permitiu gravar o noso primeiro LP, A realidade enganosa, que foi producido por Hevi e Lucas de Centi e se editou no 2020. Con este traballo recibimos o premio ao mellor álbum en galego nos Premios MIN 2021.

En maio de 2022 publicamos un novo EP, Fósforo, producido novamente por Hevi e Lucas de Centi e que conta coa artista portuguesa Sús nas voces e coa participación de Antía Ameixeiras.

Os d'Abaixo

Proxecto premiado na categoría de FOLQUE


Os d’Abaixo apareceron no ano 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionais na contorna de Compostela. O seu repertorio recolle algunhas das pezas populares máis coñecidas da música galega xunto con novas achegas de fontes tradicionais ou de nova composición.

O grupo está integrado por músicos que estiveron toda a vida vinculados ao folclore de Galiza, como por outro provintes de bandas folk de amplia traxectoria como son Berrogüetto ou Fía na Roca.

Nos seus directos ofrecen unha selección de música cargada de forza e enerxía, que entronca cun profundo respeto aos patróns da música tradicional co fin de incitar ao baile máis ancestral, que é unha peza fundamental na tradición musical de Galiza. Pero iso si, sempre buscando un son actual e en constante evolución.

Na primavera de 2014 edítase o primeiro disco do grupo “Ao vivo en Lorient”, que recolle 16 pezas gravadas nos concertos feitos en 2013 neste festival bretón. Tres anos despóis, na primavera de 2017, sae á luz o seu segundo disco “Quixera ser dos paxaros”, o primeiro gravado en estudio e no que se recollen unha maioría de temas inéditos para o folc galego, resultado dun gran traballo de investigación por parte de Xosé Ramón Vázquez, daquela acordeonista do grupo.

No ano 2019 incorpórase Santi Cribeiro, dando lugar á formación actual da banda, que despois de dous anos de traballo editan o que sería o seu terceiro diso titulado “Somos a pedra” (decembro 2021) no que, ademáis da tradición e investigación que acompañan ao grupo desde os seus inicios, cobran unha maior presenza os temas de composición, aportando novas sonoridades melódicas ao xa extenso repertorio destes composteláns. Ademáis, neste disco contan coa colaboración de grandes referencias da música de raíz da península como son Eliseo Parra, Xavi Lozano e a cantante portuguesa María João.


Os d’Abaixo son:

Richi Marín – percusión

Santi Cribeiro – acordeón e coros

Gon Goás – guitarra e coros

Xacobe Varela – gaita, bouzouki e voz

Roberto Rama – gaita, saxo, pandeireta e coros

Quim Farinha – violín e coros


Percorrido

Os d’Abaixo teñen tocado en diversas festas e festivais de Galiza e tamén fóra dela, en lugares como o Festival de Músicas do Mundo, (maio 2012, Etxarri-Aranaz-Navarra), o festival Le Grand Bal de l’Europe (xullo 2012, Gennetines-Francia), o Festival Intercéltico de Lorient (agosto 2013, Lorient-Bretaña), e o Calan Mai, a festa da primavera celta (maio de 2014, Cardiff-Gales), o Festival Folk (novembro de 2017, Eivissa), Festival Internacional de Música Popular i Tradicional (xuño de 2018, Vilanova i la Geltrú), Brosella Folk & Jazz (xullo de 2018, Bruxelas), Festival do Mundo Celta de Ortigueira (xullo de 2018, Ortigueira), Festa do Caldo de Quintandona (setembro de 2018, Penafiel -Portugal-), Wackelstein Festival (xullo de 2019, Amaliendorf -Austria-)…

Samudra Trío

Proxecto premiado na categoría de MÚSICA CLÁSICA / CONTEMPORÁNEA


Nos antigos textos védicos emprégase a palabra Samudra para referirse ao océano como auga que une á terra. Do sánscrito 'sam’ (unión) e ‘udra’ (auga), Samudra (समुद्र) significa “unión das augas”. Así mesmo nesta agrupación, mimetízase esa unión de tres aguas, tres timbres e tres mulleres intérpretes.


Somos Laura Lorenzo (frauta), Jimena Andión (cello) e Yamini Prabhu (piano), un grupo que nace no 2019 coa finalidade de crear un estilo propio dentro da música de cámara. O noso interese polo repertorio descoñecido máis aló das correntes occidentais, e a recuperación do patrimonio musical leváronnos a explorar fóra do repertorio orixinal para a devandita formación e a incorporar obras de compositoras e compositores esquecidas así como a realizar adaptacións para trío. Samudra Trio abrolla do diálogo, da escoita e da curiosidade.


No momento no que unimos os nosos camiños para facer música, descubrimos que esta agrupación pouco habitual pedía unha labor de recuperación e transcrición. Puxemos o punto de mira nas diferentes músicas do mundo porque en todas as culturas hai unha versión autóctona da frauta. O piano e o cello, pola súa banda, abren infinitas posibilidades tímbricas e rítmicas. Así fomos desenvolvendo a nosa faceta creativa e atopamos un espazo para meter selo propio nas obras. Descubrimos que existe música clásica moi diversa que nos permitía saír de Europa e decidimos abrirnos ás diferentes paisaxes do mundo a través das súas músicas.


Esta saída do canon establecido consolídase este novembro na estrea do noso primeiro álbum, Odisea. Un percorrido musical por catro continentes que quere provocar a reflexión nos seus oíntes. A súa realización e produción plasman as posibilidades tímbricas dos tres instrumentos para amosar como os tres timbres de vento, corda e teclado que compoñen a agrupación, abren a súa gama sonora.


As nosas interpretacións reflicten a nosa personalidade, os nosos gustos e as nosas inquedanzas. Concebimos así que a música de cámara ten o poder de provocar o cambio e establecer vínculos entre as persoas. É por iso que consideramos fundamental a súa inclusividade. Buscamos espazos onde a priori non ten cabida a música clásica, para sacala dos seu contexto académico e acabar cos prexuízos. Achegamos un repertorio descoñecido que sorprende a todos os públicos, incluíndo o público que non adoita escoitar esta música que ten perdurado tanto no tempo.


Con Samudra Trio, convertimos a música clásica nunha linguaxe universal e reivindicativa, creando unha ponte que, con frescura e sinxeleza, transporta ao público a diferentes paisaxes e recupera obras de compositoras que non foron escoitadas.


Nastasia Zürcher

Proxecto premiado na categoría de BLUES / FUNK / SOUL


A vocalista galego-suiza Nastasia Zürcher presenta no 2022 o seu novo e terceiro álbum de estudio: "But Life Is Beauty Full". Composto íntegramente por temas propios, a artista publica 13 novas cancións que navegan entre o neo soul, o funk-pop e as profundidades das étnicas músicas do mundo. Nunha elegante e coidadísima producción musical tecida xunto ao seu productor o multiinstrumentista galego Adrián Saavedra, con quen leva anos traballando no desenvolvemento dunha sonoridade propia, a artista, expresiva e inconfundible, profundiza na aportación dun particular universo musical baseado nas emocións como motor principal.


Artista de calibre internacional, foi premiada en Holanda polo festival da canción LIET INTERNATIONAL 2018 representando a Galicia co seu tema en galego "Espertos". Galardoada tamén no 2016 polos premios da música galega co seu primeiro disco, os Premios Martín Códax da Música, canta en galego, castelán, inglés e francés, enchendo de cores e texturas as súas letras e pegadizas melodías. Coa súa inconfundible voz chea de matices e dinámicas, Nastasia presenta xunto a súa renovada gran banda para directos un potente espectáculo musical co que desprenden swing e dinamismo en luminosos momentos de climax e maxia. Abandeirados polas súas cancións e manexo dos seus instrumentos, este sexteto de ouro é un dos proxectos musicais máis interesantes do panorama actual galego.

América De Vigo

Proxecto premiado na categoría de ORQUESTRAS / GRUPOS / MÚSICA DE VERBENA


América de Vigo é un grupo de versións que toca nas verbenas fundado no ano 1976 en Vigo por Miguel Díaz Casal. Actualmente está formado por 6 músicos e 5 técnicos, ofertan una media de 100 actuación anuáis por toda a xeografía galega e parte do noroeste da península.

O repertorio da banda está enfocado a un estilo un tanto diferente do que se acostuma no mundo da verbena, apostando por versións de clásicos do Rock, Pop e o Heavy e centrándose en ofertar un espectáculo dinámico, participativo, e na medida do posible, da mellor calidade.

Festival de Ortigueira

Proxecto premiado na categoría de FESTIVAIS


Cita ineludible do verán e un dos referentes mundiais do folk, o Festival Ortigueira tense convertido por méritos propios nun dos eventos musicais máis multitudinarios de toda España. A súa magnitude excede xa o puramente musical, para consolidarse como un espazo libre onde conflúen xentes de todas as tribos chegadas dos máis diversos puntos da xeografía.


Pouco máis que ese espírito de liberdade e o carácter folclórico do evento quedan daquel festival artesanal que nacía no ano 1978, froito do esforzo da Escola de Gaitas de Ortigueira, liderada naquel intre por Xavier Garrote. Unha idea visionaria que triunfou grazas á axuda de toda a vila e malia o contorno oficial pouco favorable -tivo que interromperse durante un lustro.


No ano 2000 sentáronse as bases do que é hoxe unha auténtica industria cultural, ao tempo que o Festival abría o seu horizonte musical cara a outros tipos de música que non teñen por que ser estritamente celtas.


O esforzo nas súas últimas edicións pasa por reforzar as infraestruturas de servizos -autobuses, aparcamentos vixiados, duchas, aseos, puntos de información- para facer máis cómoda a estancia dos milleiros de visitantes que ateigan a vila e a praia de Morouzos, e coidar ao máximo a calidade da programación musical. As estrelas do folk elixen os palcos de Ortigueira para presentar os seus últimos traballos -escenario Estrella Galicia- e o certame eríxese ademais como catapulta de novas bandas -Concurso Runas-.


A forza do Festival, organizado polo Concello de Ortigueira, valeulle que na edición do 2003 o Ministerio de Economía lle concedese o galardón de Festa de Interese Turístico Nacional . Pero os recoñecementos irían aínda máis aló. En 2005 o certame entrou no selecto grupo de eventos de Interese Turístico Internacional. O empuxe do Festival -arredor de 100.000 asistentes nas súas últimas edicións- ou o seu papel na proxección de Galicia e España no estranxeiro foron só dous dos factores que lle valeron o recoñecemento.


Por iso a volta non podía ser unha volta calquera. Tiñamos que dobrar esforzos. E en Ortigueira sómosche teimudos, e cando temos un obxectivo non paramos ata conseguilo.

 

Despois de toda a espera, a organización redobrou esforzos co obxectivo de que en 2022 todos os que botaron de menos o noso Festival volveran vibrar coa mellor música Celta, da man de grupos traídos desde diferentes partes do mundo. 

 

Nesta edición gozouse tanto da música como das actividades, como da gastronomía e a artesanía que ofrece a Feira de Artesanía, coñecendo xente de diferentes culturas e desconectando da rutina ao volver compartir unha convivencia e unha cultura que nos fai únicos.


#Ortigueira2022 contou con aínda máis concertos, pasacalles, talleres e actividades do que estamos afeitos, os cales se repartiron durante oito días, propondo unha das ofertas culturais máis atractivas de toda Europa, convertindo o Festival deste ano en #OMáisLongoDaHistoria!

A Arca da Noe

Proxecto premiado na categoría de SALAS


A Arca da Noe

Oito anos de travessia terra adentro, alternando as ondas de preamar artística com a baixamar empresarial e os ventos das tempestades criativas com a calma emocional. A Arca segue a navegar tentando atracar em peiraos desconhecidos e desde eles fazer chegar novas especias musicais, líricas, teatros, lúdicas... ao seu porto consignatário (Vilar de Santos, Ourense) a lagoa de Antela. Mas a terra firme ainda lhe é hostil, as suas velas ainda não querem ficar deitadas e esta viagem inesquecível deve continuar. Sonhemos!

 

Xose Miguélez 4tet

Proxecto premiado na categoría de JAZZ / MÚSICAS IMPROVISADAS


Contradictio é o segundo traballo como lider para a discográfica de Seattle, Origin records, do músico galego Xose Miguélez. Editado en marzo de 2022 en formación de cuarteto, no que destaca Jean-Michel Pilc, pianista franco-americano internacionalmente recoñecido, ao seu carón dous dos máis importantes músicos de jazz en Portugal, Marcos Cavaleiro na batería e Carlos Barretto no contrabaixo. Cunha fonda inspiración na música tradicional galega, Contradictio é un álbum de primeiras tomas que pretende trasladar a sensación do directo e a comunicación entre os músicos da banda ao ouvinte. O repertorio xunta composicións orixinais con estandars do cancioneiro americano revisitados. O disco foi gravado en Novembro de 2021 no CARA-OJM de Matosinhos e misturado en Galicia nos estudos Savik sound por José Trincado e Nuno Couto.

"Este álbum é unha revelación, músicos de alto nivel tocando xuntos e creando variacións de estandars e composións orixinais dun xeito que se trasmite máis aló da música" Sammy Stein (Jazz journalist association) - Jazzviews

"O saxofonista Xose Miguélez establécese na escena do jazz internacional. Despois do éxito de Ontology, Contradictio amosa o seu talento misturando o bob coa música étnica" Hrayr Attarian - Allaboutjazz

"Contradictio vai a estar nas listas do mellor do ano" Carlos Crespo - Fugas, La voz de Galicia

+info www.xosemiguelez.com

Grima

Proxecto premiado na categoría de METAL


Grima nace en Pontevedra en setembro de 2016 de man de Facundo Pardo (batería) e Laura García (baixo,voz).


A banda de Pontevedra saltou o circuito en 2018 co seu primero LP "A ver a que sabe" e agora en 2022, con "A VER AHORA" o seu novo LP, editado en vinilo por Galunk Producións onde atopamos colaboracións como as galegas BALA ou KAIXO; un novo traballo que xa consolidou a esta xove formación pontevedresa, como unha das novas promesas da música galega máis dura.

Sheila Patricia

Proxecto premiado na categoría de MÚSICAS DO MUNDO


Sheila Patricia, a nova voz da música galega, ven presentarnos o seu novo e primeiro LP Orixe, onde da cauce sonoro ao que xa viña pasando dende hai anos nos seus directos: a mistura entre a vangarda e a tradición, dende unha perspectiva elegante e profunda.

En tempos onde a voz da música de raíz galega atopou o seu público masivo a través del filtro electrónico, Sheila Patricia chega para reclamar o posto de pioneira que lle pertence. E faino por medio dun esqueleto de pulsións sónicas onde o tribalismo dixital africano percusivo se confunde entre marimbas e outros instrumentos, dentro dun corpo central de forza motriz impulsada por unha certeza maior: a confirmación da riqueza universal do abecedario sonoro galego, do cal texe conexións transoceánicas de grande poder emotivo.

Traballo co que está a traspasar fronteiras internacionais, levando a nosa lingua a lugares novos e insospeitados.

Grande Amore

Proxecto premiado na categoría de ELECTRÓNICA


Grande Amore nace a mediados do 2019 coa idea de xogar co techno, o rock and roll e o pop dos 80 dende a óptica da música electrónica actual. Ese mesmo ano, edita os seus primeiros singles "Todo ou Nada" e "Esta Cruz", moi influenciados por correntes estilísticas como o Italo Disco ou o High Energy. A mediados de 2021, e logo de diversas colaboracións con artistas como Ortiga, Verto ou Mundo Prestigio, sae á luz o seu primeiro álbum, de título homónimo, no que se mostra máis cercano ao post-punk, o darkwave e os sons industriais.

Mamá Cabra

Proxecto premiado na categoría de MÚSICA INFANTIL


Mamá Cabra é un grupo de música pioneiro na produción de espectáculos para o público infantil formado por Gloria Mosquera e Tomi López. Naceu hai máis de 20 anos nunha biblioteca ao carón dos poemas de Gloria Sánchez, Concha Blanco, Antonio G. Teijeiro, Helena Villar… e moi pouco tempo despois subíronos aos escenarios acompañados de xogos musicais.

Na actualidade, Mamá Cabra conta cunha chea de libros e discos editados por Galaxia, entre outros, Cartas que veñen e van; Ola, Ola, la; Estación Nadal; A bruxa Discordia; Eu cociño, ti cociñas? Máis recentemente publicaron A fraga do meu avó, un libro sobre o amor pola natureza e os animais que é a orixe do último espectáculo homónimo no que, como é habitual, Gloria e Tomi, acompáñanse dunha banda de músicos.

Airiños da freba

Proxecto premiado na categoría de MÚSICA TRADICIONAL GALEGA


Airiños da Freba somos un sexteto de música tradicional ao estilo das pequenas orquestras populares que animaban as festas da provincia de Lugo na primeira metade do século XX. Desta maneira, ao poñer o foco nestas formacións, a nosa interpretación do folclore tenta aportar unha visión máis transversal, máis próxima ao concepto de "verbena galega", onde o baile tradicional pode gozar plenamente da música en directo pero tamén calquera outra persoa non iniciada neste mundo.


Levamos unha ampla traxectoria de música en directo como grupo tradicional por aldeas, vilas, cidades e festivais dende hai 10 anos. E neste percorrido musical sempre tentamos que o noso repertorio fose orixinal, baseado en recollidas propias e investigacións, coa intencionalidade de aportar frescura a quen o escoita pero tamén transmitir a sensación de que aínda queda moito por descubrir e aprender do noso inmenso variado e variado patrimonio musical.


Airiños da Freba levamos publicados dous traballos, O de Lacón (2017) e Con Grelos (2020) o cal non puidemos presentar en directo a causa da pandemia ata o ano 2021. Os dous están dispoñibles nas plataformas dixitais para o seu libre acceso.


Tamén temos vídeos publicados en diversas plataformas como por exemplo este do tema Polichinela (adicada aos parentes veraneantes) no youtube:

https://youtu.be/2ipev5fTKoU


Que viva o baile nas nosas festas,  

Descúbreas

Proxecto premiado na categoría de WEB


Punto de encontro ao redor da música para aprender, compartir experiencias e participar activamente.

O proxecto Descúbreas nace para saldar unha débeda histórica coas mulleres do mundo da música. Queremos poñer o foco en mozas de 16 a 30 anos e axudalas a superar calquera barreira invisible que poida frustrar as súas aspiracións profesionais. As nenas e mozas desta provincia contan coa Deputación de Pontevedra como firme aliada para cumprir os seus soños.

A través desta plataforma ofrecemos recursos formativos e poñemos o foco en novos referentes para achegar todo o seu universo e crear novas formas de colaboración ao redor da música. Aquí atoparás titoriais, entrevistas, foros, actividades de interese e un programa de mentoría musical para darlle forma ao teu proxecto.

Ademáis, Descúbreas Mentoring é un programa para o fomento do talento feminino consistente no acompañamento a oito mozas artistas que dan os seus primeiros pasos na industria musical. Para iso, un equipo de mentoras, lles ofrecen en diferentes mentorías, ferramentas para iniciar os seus camiños no sector. Entre estas ferramentas, as rapazas teñen a posibilidade de gravar un videoclip e a súa primeira canción nun estudio profesional. Deste xeito, aprenden tamén as dinámicas destes procesos.

Rebeliom do Inframundo

Proxecto premiado na categoría de HIP-HOP / MÚSICAS URBANAS


Os rapeiros das Rías Baixas dan un paso máis na súa particular visión do Hip Hop, onde a crítica social convive en harmonía con líricas máis íntimas, actualmente inmersos na xira do seu 3º disco "ILEGAL" editado en abril de 2019 e con o novo single "Vendetta" adianto do que será o seu próximo treballo (2022).

Banda Unión Musical de Meaño

Proxecto premiado na categoría de BANDAS DE MÚSICA POPULAR


HEROÍNAS NA MEMORIA, NARRACIÓN MUSICAL EN TRES MOVEMENTOS


Hai historias que merecen e teñen que ser contadas e a forma en que a Asociación Cultural Unión Musical de Meaño se expresa é fundamentalmente a través da música. Neste espectáculo o conxunto de música, narración oral e peza visual sérvennos para contar tres historias de Galicia, tres historias de mulleres galegas que nos anos vinte, trinta e corenta do século pasado protagonizaron feitos heroicos, solidarios e desinteresados, mulleres que axudaron a outras persoas sen esperar recibir nada a cambio, mulleres fortes e valentes que loitaron ó carón dos homes, pero tamén mulleres esquecidas, incluso silenciadas durante moitos anos pola historia. A súa memoria está comezando a ser reivindicada nos últimos anos pero aínda seguen sendo moi descoñecidas para o gran público.


Heroínas na Memoria é un espectáculo musical para todos os públicos, en tres movementos e en formato concerto, deseñado e interpretado pola Banda Unión Musical de Meaño e narrado por unha intérprete que, acompañada pola música, vai contando estas tres historias de mulleres que compoñen o fío condutor do espectáculo, todo apoiado por una montaxe visual que acompaña ó texto e á música de forma acompasada e sincronizada. Unha experiencia musical que inclúe a lingua galega como creadora de cultura.


O espectáculo deséñouse para a súa realización en forma de concerto audiovisual, un dos cales foi gravado en vivo para a súa distribución dixital a través das canles dixitais de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade baixo un dominio web da Xunta de Galicia. Esta gravación permitirá que o proxecto poida chegar a todos os públicos en calquera lugar, e especialmente ós centros educativos traballando de forma transversal e dende a lingua galega, a historia, a cultura, a música e os valores como a solidariedade, igualdade, liberdade, diversidade, etc.


Toda a música interpretada no espectáculo é inédita e orixinal, escrita polo compositor galego de recoñecida traxectoria internacional Antón Alcalde, para acompañar a peza narrativa tamén orixinal escrita por Eva Mejuto. A montaxe visual é obra de Belén G. Freijeiro e a grabación foi realizada por Casa de Tolos. Toda a montaxe desenrolada a partir das historias reais destas mulleres galegas que arriscaron a súa vida por axudar a outros: as Heroínas de Sálvora, as Lavandeiras de San Simón e as Irmáns Touza.


Ver gravación completa https://drive.google.com/file/d/1jmze_MxkuuFczynvACjj7lDWEhAuP0M_/view


AS LAVANDEIRAS DE SAN SIMÓN. A REDE SOLIDARIA DUN POBO

Entre 1936 e 1943, calcúlase que preto de seis mil homes estiveron presos na illa de San Simón. O conxunto das illas San Simón e Santo Antón actuou como presidio e campo de concentración durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura franquista.  Ao longo deste período, estímase que uns setecentos homes morreron na illa de enfermidades e mala nutrición, por causa das terribles condicións así como polos traballos forzados.


Debido á saturación, en 1938 recalou entre San Simón e Redondela o buque Upo Mendi, que serviu de prisión auxiliar para máis de setecentas persoas. Presos galegos, vascos, cántabros e asturianos malvivían amontoados, sometidos a unhas condicións infrahumanas, comestos pola fame, as pulgas, o frío e a distancia ós seus seres queridos.


Na contorna creouse unha rede de cooperación, persoas xenerosas e valentes que decidiron arriscar a propia vida para axudar os presos, levándolles roupa limpa e comida, mantas, menciñas e cartas dos familiares, mensaxes con palabras de alento e agarimo, moitas veces cosidos ou agochadas entre a roupa. Mulleres xenerosas, valentes e solidarias. Ducias de mulleres de Redondela, A Portela, Cesantes e outros lugares da ría. Contan que foi Faustino da Portela, un mariñeiro humilde, quen tecera aquela rede solidaria. Todas elas e moitas máis compuxeron unha historia chea de solidariedade, valentía, grandeza e de heroísmo.


AS IRMÁS TOUZA, LOITADORAS POLA LIBERDADE

As irmás Lola, Julia e Amparo Touza rexentaban nos anos 40 unha pequena cantina quiosco na estación de ferrocarril de Ribadavia. A maior das irmás, Lola, alcumada “A Nai”, foi captada por unha rede que se dedicaba a facilitar o paso de refuxiados do Holocausto nazi a Portugal. A capital do Ribeiro converteuse na última parada dunha ruta ferroviaria que emprendían moitos xudeus, normalmente agochados en trens de mercancías, co obxectivo de chegar a Portugal e dende alí marchar a Estados Unidos ou América Latina.


As tres irmás conseguiron axudar a arredor duns 500 xudeus grazas a esta rede clandestina que as conectaba directamente co cónsul luso en Burdeos, Arístides de Sousa, recoñecido pola cantidade de visados que concedeu a xudeus que fuxían do Holocausto. Cando o tren chegaba a Monforte as irmás agochaban ós fuxitivos nun alpendre no que almacenaban as mercadorías e, aproveitando a noite, trasladábanos á súa casa, onde os ocultaban no faiado ata que fose seguro cruzar a fronteira coa axuda dun veciño que lles facía de intérprete, dous taxistas e dous pescadores do pobo.


As irmás axudaban a estas persoas de forma desinteresada e nunca o fixeron público. Foron mulleres fortes, adiantadas á súa época, valentes e solidarias, loitadoras pola liberdade.


AS HEROINAS DE SÁLVORA. O NAUFRAXIO DO SANTA ISABEL

Catro mulleres da Illa de Sálvora participaron con tan só as súas mans e unha pequena dorna, no rescate do maior naufraxio acontecido en séculos por esas costas. Foi a noite do 2 de xaneiro de 1921, cando o buque correo Santa Isabel foi sorprendido por una tempestade que o fixo chocar contra as rochas da Illa, facéndoo naufragar.


Apenas vinte e cinco persoas, incluíndo mulleres e nenos, estaban aquela noite na illa. Alertados polos gritos do fareiro, acudiron en axuda dos pasaxeiros do Santa Isabel. Tres pequenas dornas lanzáronse ao perigoso mar para o rescate. Unha dirixiuse a Ribeira para dar aviso e noutra botáronse ó mar tres mulleres, case tres nenas. A súa coraxe, valentía e determinación fixo que salvaran entre vinte e cincuenta vidas, facendo varias viaxes entre a illa e o lugar do naufraxio no medio do temporal. Aínda así, o afundimento do Santa Isabel é unha das páxinas máis negras da tráxica historia das costas galegas. Morreron 213 persoas.


Traxectoria profesional da Banda Unión Musical de Meaño

A Banda de Meaño, unha das bandas máis antigas de Galicia, ten a súa orixe polo ano 1830 , como Banda de Xil, para no 1890 cambiar o seu nome e pasar a chamarse Banda de Música de Meaño. Esta banda disólvese trala crise económica dos anos 60, desaparecendo ata que no ano 1980, por iniciativa do Concello, se crea a Escola de Música que despois de 5 anos de traballo da os seus froitos e permite rexurdir a Banda Unión Musical de Meaño.

No ano 1990 constitúese a Asociación Cultural Unión Musical de Meaño, co fin de darlle un maior soporte social e administrativo á formación bandística, ademais de promover e fomentar a afección e o cultivo da música a través da formación, organización de concertos, conferencias, recitais , xiras, etc. Da man da asociación organízase dende fai 30 anos o máis antigo Festival de Bandas de Galicia.

Na actualidade, a Asociación está a traballar para introducir as novas tecnoloxías e formatos dixitais para poder seguir difundindo a música e a cultura. Como parte destes traballos preténdese potenciar o deseño e organización de espectáculos musicais multidisciplinares, fomentando a colaboración con outras formacións artísticas e culturais, e permitindo un maior impacto no público. Asimesmo segue sendo fundamental para a Banda a participación en Certames e Concursos.


Cabe destacar, entre outros premios e mencións, os seguintes:

·       


  • A obtención no ano 2013 do primeiro premio da sección primeira, así como o Timbal de ouro que a cataloga como campioa absoluta de todas as categorías no WMC de Kerkrade (Holanda, festival internacional que se celebra cada 4 anos e onde se reúnen as mellores bandas do mundo), sendo a única banda de Galicia ata a actualidade en conseguir este galardón.
  • A obtención no ano 2019 no Concurso bandístico internacional Riva da Garda (Italia) do primeiro premio na sección superior, así como o flicorno D’Oro que a acredita como campioa absoluta de todas as categorías de dito concurso. Sendo como no anterior a única banda Galega en conseguilo ata o momento.
  • Certame Galego de Bandas de Música Populares:

-       1º Premio na Sección Primeira no ano 2019.

-       1º Premio na Sección Especial no ano 2016.

-       2º Premio na Sección Primeira no ano 2007.



  • 3º Premio no X Certame Internacional de Bandas de Música “Villa de Aranda” 2009.
  • 3º Premio na Sección Primeira no Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia” no ano 2008.

SOFÍA ESPIÑEIRA

Proxecto premiado na categoría de CANCIÓN DE AUTOR/A


Sofía Espiñeira é unha artista ecléctica e polifacética vencellada ás artes do movemento, ó teatro e á música. Mais é na música onde atopa o seu proxecto máis persoal. Composicións orixinais con tonalidades de raíz xunto a unha linguaxe propia e xenuina dan a esta proposta un carácter de autora coa diversidade de matices que ofrecen as músicas do mundo. 


Nun momento actual de tránsito cara o seu segundo disco que lanzará nos próximos meses, a artista ofrece nestes premios un pequeno adianto con Unha tripulación, canción que abrirá o novo traballo.


A súa traxectoria remóntase ao 2016, ano no que, tras resultar gañadora do II Certame de canción de autor do concello de Teo, nace o seu primeiro disco: Alá onde agroman as herbas. Nove temas cheos de naturalidade e frescura que recollen na mesma urdime o humor, o íntimo e o social, tríada que define o seu proxecto e que terá continuidade no novo disco. No seu camiño atopamos festivais como o Agrocuir da Ulloa, Ponte Louco ou o Millo Verde, así como colaboracións con distintas artistas e músicas do país. 


Coa vontade de cantar o universal dende o pequeno, Sofía Espiñeira trae unha música de autora que tanto pode viaxar a paisaxes amplos como recollerse nunha cesta de vimbio. 



 

Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información